viernes, 28 de abril de 2017

A identidade das mulleres do século XXI



Mar Carballo Cela


Que importante é nas nosas vidas a mirada dos outros: sentímonos e valorámonos a nós mesmos a través desa mirada. Sartre chegou a afirmar que “o inferno son os outros”, precisamente por ese espello implacable, e ás veces cruel, no que non podemos deixar de mirarnos, chegando incluso a sentirnos desprezables cando vemos o desdén que esas outras retinas deixan caer sobre nós.
Os grupos sociais tamén teñen os seus propios espellos, construídos –consciente ou inconscientemente- por aqueles que pretenden control e dominio: pobos enteiros percibíndose a si mesmos a través da mirada de outros pobos, ou mulleres que historicamente se percibiron a si mesmas a través da mirada dos homes. En 1949 Simone de Beauvoir, na súa emblemática obra “O segundo sexo”, levou a cabo unha lúcida análise sobre esta última mirada a través da cal as mulleres fomos asumindo a nosa identidade. Non é fácil tomar conciencia das distorsións que os demais poden exercer sobre a visión que temos de nós mesmos; a propia Simone, muller profundamente reflexiva sobre moitos outros temas, recoñeceu que isto lle sucedera cumpridos xa os corenta.
Anos despois, seguimos sen erradicar este dramático erro de perspectiva, e as novas xeracións de mulleres edúcanse cunha imaxe deformada de si mesmas que os medios de comunicación perpetúan, facéndolles crer que a súa identidade reside unicamente na súa sexualidade ó ser utilizadas como meros obxectos de desexo para satisfacción da mirada masculina. As consecuencias de que aínda non se correxira socialmente esta valoración son graves, e confunden non só o concepto que os homes se formas sobre as mulleres, senón o que as propias mulleres temos de nós mesmas, dificultando enormemente o avance cara unhas relacións sociais e persoais satisfactorias.
Un exemplo de todo isto témolo no debate que actualmente se recuperou (non é nada novo) en torno á legalización da prostitución, un tema clave que deixa ó descuberto as distintas maneiras de considerar ditas relacións entre ambos sexos.
A prostitución xorde e perpetúase nun contexto profundamente androcéntrico no que a existencia da muller xira en torno ás necesidades persoais e sociais dos varóns. Neste contexto nos socializamos desde nenas, recibindo mensaxes constantes dun rol hipersexualizado que invade boa parte da nosa imaxe social, non sucedendo o mesmo cos homes.
O discurso pro-legalización susténtase, en gran medida, nos argumentos neoliberais de respectar a liberdade para negociar co que estimemos oportuno, sempre e cando sexa de mutuo acordo. Pero creo que este plantexamento non profundiza o suficiente, polo menos en canto a dous aspectos fundamentais:
En primeiro lugar, non é adecuado calificar de  “libre elección”  aquelo que é o resultado dunha histórica socialización no servilismo e na inferioridade, facendo coincidir así o comportamento libremente desexado con aquel que é froito dunha coacción estructural no que, en interese dun dos sexos, fomos educadas, tal e como indica a filósofa Ana de Miguel na súa obra “Neoliberalismo sexual: el mito de la libre elección” (Feminismos, 2015, p. 213).
E, en segundo lugar, tampouco creo que a libre elección individual poida lexitimar por si soa que tipo de relacións son as adecuadas entre seres humanos; de feito, noutra orde de cousas, non se considera que así sexa: non se consinte que dúas persoas resolvan un conflito a machetazos por moi libremente que ambas partes decidan facelo, nin tampouco comerciar cos propios órganos. O motivo destas limitacións non é outro que impedir un modelo de sociedade no que todo valga, carente do máis elemental respecto mutuo, e intentar protexer de situacións abusivas ós máis desfavorecidos.
Nas relacións de opresión, os oprimidos soen ser considerados como obxectos, meros instrumentos ó servizo dos opresores (“corpos sen alma”), mentres que estes últimos se reservan o acceso ó ámbito intelectual e espiritual. Sucedeu coa escravitude, co colonialismo, coa explotación laboral, e tamén coas mulleres. As mulleres foron e seguen sendo identificadas, en moita maior medida que os homes, co corpo: son cubertas para evitar a tentación, exhibidas para provocar desexo, alquiladas para procrear (maternidade subrogada), coaccionadas socialmente para manter un modelo físico perfecto, violadas (en períodos de guerra e inseguridade social é unha das formas de violencia que primeiro se instala)…
Certamente, o mercado servíu, en ocasións, para evitar abusos e conflitos en torno á adquisiciós de bens (aínda que tamén provocou outros); pero o corpo da muller non é un ben, nin é obxecto de disputa. O acceso a el non pode ser considerado un dereito que o Estado deba regular. ¿En que modelos de identidade queremos que se socialicen as mulleres do século XXI?

Publicado no Progreso o 14-4-2017

miércoles, 12 de abril de 2017

Retorno e porvir dunha ilusión



M. A. Martínez


O filósofo Louis Althusser en Iniciación a la filosofía para los no filósofos (Siglo XXI, Madrid, 2016) explica como calquera ideoloxía non é arbitraria. Non xorde por casualidade, nin por azar. Sempre indica cuestións ou problemas reais, aínda que aparezan revestidos. Unha ideoloxía tamén apunta a unha forma de descoñecemento e, por esta razón, ilusoria. Así, calquera ideoloxía ten un duplo carácter: é un coñecemento con forma de descoñecemento e unha alusión con forma de ilusión.
A ilusión non é un erro. Quen erra equivócase, mais pode recoñecer o seu fallo, adherirse á verdade. Porén, a ilusión é dura, permanente. A súa función é perdurar. Agocha unha causa que non pode coñecerse e que necesariamente se descoñece. Esta causa está nalgo que supera aos individuos: o social. Está nos suxeitos sociais. Os intereses aos que serve son os de certas causas ou valores dos suxeitos sociais.
O funcionamento da ideoloxía pode ser descrito. Supoñamos que é necesario que todos os individuos dunha sociedade sexan dominadores ou dominados, e que acepten libremente algunhas evidencias (por exemplo, a moral relativista, a inutilidade da educación, a utilidade das novas tecnoloxías como solución aos problemas persoais, a banalización da violencia). Se este é o caso, e sen que ninguén sexa o seu autor declarado, xorde un sistema de representacións verdadeiro e falso simultaneamente. Verdadeiro na medida en que ten en conta realidades vividas polas persoas. Falso na medida en que impón a súa verdade a esas vivencias para conferirlles o "sentido verdadeiro" e configuralas segundo ese "único sentido" (coa prohibición engadida de contrastalo con outros posibles sentidos). Isto é a ideoloxía segundo Althusser: coñecemento e descoñecemento, alusión e ilusión. Un mecanismo de enunciación: ante a experiencia máis simple enuncia cal é a súa verdade pasada, presente e futura.
As sociedades actuais semellan recuperar algunhas ideoloxías desafiuzadas pola historia. Ideoloxías que arranxan a verdade de calquera acontecemento. Que prescriben de antemán a verdade co metaenunciado "non hai verdade". Estas ideoloxías interpelan os individuos no seu carácter de suxeitos (sociais) para, a través das súas vivencias (individuais), erguelos ao campo da subxectividade colectiva que lles doa sentido ás fendas que os quebran. Esta determinación particular é o mundo no que os individuos se recoñecen como suxeitos. É o suplemento que funciona como abstracción que agrega ao concreto unha relación (social, lingüística, emocional) que o constitúe e domina. É o propio dunha ilusión: un nada que se apropia do concreto até que chega a producilo.
"A responsabilidade social do filósofo", do filósofo Raymond Aron, conferencia recollida en Dimensiones de la conciencia histórica (Página Indómita, Barcelona, 2017), serve de complemento a Althusser. Aron distingue entre o técnico, o ideólogo, o filósofo. Filósofo é quen ten a responsabilidade de interrogarse polos límites, e nos límites, da obediencia e desobediencia, no limiar da responsabilidade social. Se Althusser convoca a destapar a ideoloxía, Aron advirte de que hoxe o poder demanda dos técnicos e ideólogos non só obedecer, senón xustificar a obediencia. O filósofo, pola contra, busca a verdade, resiste a coacción. Medite sobre o mundo ou se comprometa coa acción, ensine a obedecer as leis ou a respectar os valores verdadeiramente humanos, cumpre coa súa función dentro e fóra do estado, compartindo os riscos do seu rumbo. Entre o relativismo histórico dos técnicos (en realidade antihistórico) e a adhesión fanática dos ideólogos (a unha causa sempre sita no porvir), o filósofo mantense firme na reflexión crítica que alerta sobre o retorno histórico das ilusións e o porvir que nelas se acubilla.


Publicado no Progreso o 8-4-2017

domingo, 9 de abril de 2017

Felicidade/Desigualdade/Dignidade



Xosé Ramón Cando Vázquez

Nun traballo feito por alumnado do IES “A Nosa Señora dos Ollos Grandes” apórtanse datos ilustrativos sobre o estado actual do binomio igualdade/desigualdade dende a perspectiva económica, así como da súa evolución histórica. Aí van algúns:
- O 1% da poboación mundial dispón de recursos equivalentes ao resto da mesma.
- Os países ricos aportan, anualmente, 130 mil millóns de dólares aos países pobres en concepto de axuda, mentres que extraen dos mesmos 900 mil millóns mediante o comercio, ao tempo que obteñen 600 mil millóns, en concepto de devolución de créditos e cobro de intereses.
- Fai douscentos anos o conxunto dos estados mais ricos dispuña duns recursos que multiplicaban por tres os dos países mais pobres, hoxe o multiplicador ascendeu a oitenta.
- En España, o 1% da poboación incrementou o seu patrimonio nun 15% no último ano, ao mesmo tempo que o 99% sufriu unha perda do 15%, no mesmo período.

O economista Rallo escribiu recentemente un artigo no diario dixital “El Confidencial” no que defende literalmente que: “a maior desigualdade, maior felicidade”, argumentando que nas situacións de desigualdade cobra valor o “factor esperanza” definido como “a expectativa de que os cidadáns mais pobres irán prosperando conforme o país continúe crecendo”. Esta afirmación compadécese mal coa tese de Piketty de que “os propietarios do capìtal son cada vez mais ricos mais rápido que o resto da poboación”. Tentando contrastar ou refutar o opinión de Rallo, buscamos a relación de países mais desiguais do mundo de acordo co índice Gini e de países con maior grao de felicidade, de acordo co informe da ONU, co obxecto de atopar algunha intersección entre ambos conxuntos, atopando o seguintes resultados:
a) Países, por este orde, con maior índice de desigualdade: Seychelles, Comores, Namibia, Suráfrica, China, Botswana, Surinam, Haití, Honduras e Zambia.
b) Países, por este orde, con maior índice de felicidade: Noruega, Islandia, Suíza, Finlandia, Holanda, Canadá, Nova Zelandia, Australia, Suecia e Israel.
Mesmo se miramos os países que tiveron un maior crecemento económico en 2016 (polo “factor esperanza”), tampouco ningún deles está entre os mais felices: Iraq, Birmania, Costa de Marfil, India, Laos, Tanzania, Cambodja, Bangladesh e Senegal.
Parece que as opinións expresadas polo señor Rallo sofren a oposición da estatística, disciplina moi cara para a ciencia económica, como é sabido.

A pregunta polo contido da felicidade é tan antiga coma a propia existencia humana e non parece probable que o milagre matemático de Al-Khwarizmi teña resolta esta cuestión. Cabe interpretar que os consultores da ONU teñan establecido as condicións obxectivas facilitadoras do benestar, independentemente da percepción (subxectiva) que cada individuo teña da vida que vive, polo que, neste senso, poden proporcionar unha información valiosa de cara á xestión da “cousa pública”. Mais alá desta cuestión hai outra, a dignidade humana, que os filósofos tenden a vincular  coa capacidade de decisión, coa liberdade derivada do “ser racional” propio de humanos e humanas. Kant dicía que o ser humano ten dignidade, non ten prezo, e dita categoría procede do seu carácter racional que o define como libre. Como consecuencia, non centraremos a nosa reflexión tanto na subxectividade do “ser feliz” como no “ser libre”, mais doado de avaliar aínda que non exento, tampouco, de subxectividade. Dende a experiencia profesional, temos visto como un alumno ou alumna tense esforzado para poder percorrer o camiño escollido, v.g. o exercicio da medicina, pero non o ten acadado porque lle faltaron dúas centésimas para entrar nas universidades públicas. Ao mesmo tempo, outro alumno ou alumna, realizando un esforzo inferior, conseguíu a liberdade de acceder á práctica médica a través das universidades privadas.
Velaí a eiva que o señor Rallo non ve ou non quere ver, a desigualdade económica, de acordo coa súa expresión na realidade, dificulta a aplicación do fundamento que comparten todas as democracias, polo menos dende unha perspectiva formal, a igualdade en dereitos e liberdades de todos os cidadáns. Este feito resulta especialmente esmagador para aquelas persoas que pola súa curta idade non son responsables das circunstancias nas que realizan a opción fundamental da súa vida, opción que non poden facer en liberdade mais que aqueles e aquelas que teñen un respaldo económico do que a maioría carece. En síntese e para rematar, non podemos establecer, estritamente, a ecuación: igualdade=felicidade pero resulta incuestionable a negación desta outra: desigualdade=dignidade.

Publicado no Progreso o 25-3-2017