viernes, 24 de marzo de 2017

En defensa de Trump, vostedes perdoen




José Domingo de Prada
 
Aínda que sobren motivos para rexeitar e renegar do que Trump di e fai, vou intentar, co seu permiso, tratar de atopar un par de medio-virtudes no personaxe a risco, incluso, de ser politicamente incorrecto.
Ser politicamente incorrecto é a primeira medio-virtude de Trump. Isto ten como consecuencia que non di máis que barbaridades, auténticos despropósitos. Pero vai en contra do que fan os políticos habituais, sexan profesionais ou meros afeccionados á política. Cada vez que afirma, tuitea ou remeda algo é para tremer, máxime pensando no cargo que ocupa. E máis, actúa como si dixera o que pensa. Lembren aqueles casos dalgún político de por aquí ao que se lle escapou unha verdade nun momento de debilidade. Por exemplo: aquel que dixo que entrara en política para forrarse, a que dixo sobre os desempregados “que se jodan”, ou o que dixo que había un problema chamado 3%. Foron estes, momentos excepcionais, de auténtica clarividencia beatífica, con consecuencias varias, pero momentos nos que se dicía o que nese instante ocupaba a mente de forma completa e sen ningunha dúbida. Momentos sublimes nos que o suxeito carece de capacidade para pensar nunha dobre verdade, a politicamente correcta, que esconda, ou cando menos disimule e revista, a auténtica verdade. Trump parece presentarse como é, espido de roupaxes intelectuais, argumentativamente nu, carente de empatía, asocial e amante unicamente do (pouco) que entende e lle agrada.
Outra medio-virtude que podemos recoñecerlle é que parece querer cumprir as súas promesas electorais, ou dáo a entender. Nós estamos afeitos a que os políticos nos enganen, asumimos que nos períodos de campaña electoral o político ten que facer publicidade de si mesmo, e aceptamos que prometa o que sabemos, e sabe, que non vai cumprir. Trump anunciou na campaña electoral que ía facer as barbaridades que está facendo. Non podemos acusalo de engano. Poderemos acusalo de tolo, temerario, cruel, racista, xenófobo e todo o que vostedes queiran, pero de incoherente non. Incoherentes e falsos son os nosos políticos, por prometer cousas que saben que non poderán cumprir de ningunha forma e que, ademais, non queren cumprir en ningún caso. O eufemismo da posverdade acaba de inventarse para evitar que os suxeitos que utilizan avesamente as promesas (electorais, económicas, académicas,...) non sexan xulgados por prevaricación, engano, falsidade documental, ou similares, pero motivos, hainos, pois faltan aos seus deberes, a súa palabra, consciente e premeditadamente.
Unha terceira medio-virtude do personaxe é a realización efectiva da realidade, aínda que non sexa consciente diso. El, que cando non lle gusta algo cámbiao sen máis miramento, e decide que as cousas non son como son, senón como a el lle apetece que sexan e as re-representa como feitos alternativos, é dicir, tal como a Trump lle gusta; pois precisamente el, encarna a realización e o pleno cumprimento da tendencia política do último cuarto de século no que, desde a caída do muro de Berlín o neocapitalismo sen opoñentes se proclama como única idea plausible de organización social. Máis que de feitos alternativos, temos que falar coa chegada de Trump de realización da realidade. Viviamos en oligarquías máis ou menos disimuladas, pero agora xa sabemos que vivimos en oligarquías efectivas, actuantes e dominadoras. Os ricos exercen o poder sen disimulo e sen miramentos. Igual estamos asistindo ao final dunha época pois, se as revolucións burguesas pretendían acadar o poder político para os posuidores dos cartos, ata agora só o tiñan de forma indirecta; agora conseguírono sen mediadores. Unha vez cumprido o seu obxectivo, que virá despois?
Polo momento temos que esperar nesta confusión entre o público e o privado, entre o de todos e o meu (o seu, máis ben), pero cando menos, e é outra medio-virtude, non se esconde para facelo (aínda que quizais o descaro non pertenza ao ámbito das virtudes). Pensen canto tempo levamos por aquí confundindo as institucións con “cortijos privados”. Pensen tamén como actúan de forma antidemocrática impoñendo ineptitudes e aconsellándose por arribistas e aduladores, o mesmo que Trump, só que el se vangloria de facelo.
Moito me temo que o futuro vai ser unha posrealidade, o efecto óptico destas verdades pagadas, un feito alternativo inducido por intereses de (perdóenme a palabra) clase. Iso si, teñan clara unha soa cousa, quen vai pagar eses intereses non son eles.

Publicado no Progreso o 18-3-2017

Suxeitos empíricos



Juan Carlos Fernández Naveiro



Cando a filosofía fala do suxeito sempre tende a idealizar. Proxecta un ideal e axiña perde o contacto coa carnalidade do real, faille abdicar das súas singularidades.
Asumimos xenerosas doses de autoengano e non nos gusta recoñecer que somos débiles e inconstantes (no lugar de identidades firmes e autoconvencidas), que sofrimos e somos vulnerables (no lugar de posuidores dunha vontade férrea e inquebrantable), que mentimos e cremos nas mentiras para protexernos do inclemente (no lugar de ser veraces a toda costa), que vamos dunha cousa a outra porque rápidamente nos cansamos e precisamos distracción e olvido (no lugar de perseverar nos nosos propósitos), que miramos para outro lado cando se require actuar e despois metémonos onde ninguén nos chama. Somos seres volátiles e duplicados, impertinentes e dispersos, inconsecuentes e pouco de fiar, todo eso é o normal. Solo de vez en cando refulxe unha xoia no barro, aparece o instinto de verdade, con todo o seu séquito de derivados, o coñecemento, a realidade, o ben, a xustiza, a felicidade, ideais lunáticos que nos proxectan como entes luminosos no ceo artificial e pechado que ocupa o teito da nosa pequena habitación escura. Mundos de fábula nos que habitan os suxeitos transcendentais.
Pero nós somos suxeitos empíricos. Forxámonos na experiencia e somos irremediablemente plurales, sobre todo estamos ben suxeitos e suxetados, sometidos e aplastados (subiectum, o que está debaixo) polo peso do accidental, os desexos cambiantes, a memoria aleatoria, os encontros e vivencias gobernadas pola fortuna, a miudo travestida de infortunio.
Non é extraño que busquemos acubillo. A intemperie xenera incertidume e precisamos construir refuxios, facernos un lugar habitable, convertímonos con gusto en poboadores dunha zona franca ou, como agora se dí, unha zona de confort. Aí é onde nos sentimos seguros, onde podemos ser nós mesmos, crémonos a resgardo da inclemencia, capacitados para ser auténticos e obedecer o imperativo de transparencia, de expresión, de conectividade.
Esquecemos aí dúas cousas. A primeira, que a transparencia é o reverso da desconfianza, da escasa tolerancia á incertidume respecto dos demáis. Por eso agochamos a debilidade con palabras suliñadas e solemnes, por eso o poder crea «neolinguas» que enmascaran feitos inconvintes e obscenos. Pero para saber realmente o que pensan os demáis é mellor, dicía Descartes, “aterse ao que practican antes que ao que dín” (Discurso del método, parte III).
A segunda cousa que fácilmente esquecemos é a fraxilidade do confort. O extraordinario, como dí Enzensberger, non é “que algo se colapse senón que se manteña durante certo tempo nun equilibrio inestable”, o único equilibrio que existe diferente á morte térmica (Panóptico, Malpaso 2016, p 67). Estar vivo é estar exposto a que a ruptura aconteza. 
Esto é máis claro en tempos de cambios acelerados, como era o de Descartes e é o noso, e mentres non acaban de agromar novos conceptos e novas formas de coñecemento e de convivencia convén aterse a unha escasa “moral provisoria”, que recomenda facer según o que vexas cos teus propios ollos, caso por caso, e seguir sempre o teu criterio antes que os dictados de outros. Sen receitas, sen rede.
É a única actitude que contén unha certa espera de tempos mellores; por iso, aínda que poida parecer unha moral débil, non o é. Porque implica unha cousa difícil que tamén recomenda Descartes, “vencerme a mín mesmo antes que á fortuna, cambiar os meus desexos antes que a orde do mundo”. É a tarefa dun racionalismo que solo a duras penas se pode reconciliar coa experiencia dos suxeitos empíricos que somos, gladiadores en combates sempre desiguais, xalonados por breves períodos de graza.

Publicado no Progreso o 11-3-2017

Xestación subrogada



Isabel Sánchez Corral

As expresións xestación subrogada, maternidade subrogada, subrogación xestacional, xestación por substitución ou a simple subrogación, veñen nomear unha técnica de reprodución asistida posta en cuestión por uns e encomiada por outros nos últimos meses. Aínda que é un tema que vén suscitando diferentes dilemas morais sobre a súa práctica e as súas consecuencias nos últimos anos.
Cando falamos de xestación subrogada referímonos a esa técnica de reprodución asistida que consiste en que unha muller, de común acordo cunha persoa ou unha parella, acepta que se lle transfira ao seu útero o embrión previamente procreado mediante fecundación in vitro por esa outra persoa, parella ou participación dun doante, coa fin de quedar embarazada. A partir de aí, xestar e parir en substitución da persoa ou parella ás cales substitúe. Utilízase esta técnica tanto como solución de último recurso para parellas que non puideron superar os problemas de fertilidade mediante outros tratamentos médicos, como por homes sós ou parellas homosexuais, maiorita-riamente masculinas que desexan filiar aos nenos como pais únicos, xa que na maioría das normativas os nenos "serán fillos da persoa que dá a luz".
Dentro dos tipos de subrogación, definimos como altruísta aquela que non é motivada por unha cuestión económica, aínda que debe de haber unha compensación. Esta debe ser proporcional ao tempo de xestación, exames, duración do embarazo, complicacións, cargas familiares,etc, xenerando un equilibrio para non entrar na mercantilización. Os países europeos que lexislan baixo a fórmula de subrogación altruísta son: Inglaterra, Portugal, Bélxica e Países Baixos.
Doutra banda existe a subrogación comercial cuxa motivación é económica, os países que se atopan neste lado son Estados unidos, Ucraína, Rusia, Xeorxia, India, Tailandia e Grecia (antes só permitía a altruísta). Estes países poñen certas restricións segundo os seus intereses.
En terceiro lugar, están os países onde esta práctica está prohibida como en Alemaña, Italia, Suíza, Suecia ou a nosa veciña Francia, cun posicionamento moi claro chegando a denegar a nacionalidade aos nenos concibidos por esta técnica para evitar a súa práctica. En España esta práctica está tamén prohibida pero está a avivarse un debate para a súa regularización desde certos lobbys que exercen presión para que se lexisle en prol de calquera das súas modalidades.
A resolución do Parlamento Europeo do 5 de abril de 2011, sobre as prioridades e liñas xerais do novo marco político da UE para combatir a violencia contra as mulleres ( 2010/2209(INI)), establece que a subrogación é unha explotación do corpo da muller e os seus órganos reprodutivos; así mesmo o Parlamento Europeo "condena a práctica da xestación por substitución por atentar contra a dignidade da muller, cuxo corpo e función son utilizados como mercadorías" no seu informe anual de 2014 sobre os dereitos do home e a democracia e sobre a política europea da UE nesta materia. Aínda que en 2016 matiza este posicionamento.
Os argumentos que se enarboran a favor da xestación subrogada neste mometo no noso país pasan por: que todos os pais poidan acceder a ela independentemente da situación económica (en España permítese inscribir, a nome dos pais biolóxicos, aos nenos nados en países onde se permite); control da situación económica das mulleres xestantes fronte a mulleres abocadas pola necesidade en países pobres; apelando á liberdade individual (mulleres conscientes que queren facelo); a adopción en España é lenta e os tratamentos de fertilidade só se custean pola sanidade pública ata os 40 anos; poderían facelo parellas homosexuais que desexan ter fillos biolóxicos. Estes argumentos derivan en que así todos poderían acceder a ter unha familia.
Un dos principais argumentos en contra da subrogación xestacional é que o aluguer de ventres cosifica e instrumentaliza ás mulleres, reducíndoas a mero continente: o ser para outros. No caso da subrogación altruísta é moi difícil de controlar, xa que leva unha compensación económica pero pode haber acordos privados. A filósofa Sylviane Agacinski, pertencente ao movemento internacional StopSurrogancyNow, explica que "donde queira que se dá esta práctica hai sempre un mercado, nunca é gratuíto".
Difícil controlar os procesos altruístas, de feito hai axencias que establecen os contactos entre as partes, un negocio dentro dun mercado para o que se necesitan leis favorables para non ser penalizados. Máis difícil controlar que os corpos das mulleres e bebes non entren a formar parte do mercado, o capitalismo segue interesado en sacar o máximo beneficio a menor custo e os corpos das mulleres son moeda de cambio, ou seica comerciamos con órganos?
Tampouco a subrogación é equiparable á adopción, pois esta última é unha medida de protección á infancia, o dereito dos nenos e nenas a ter unha familia. Ben é certo que en España os trámites deberían ser menos complicados e máis áxiles. Ser pai ou nai non é un dereito fundamental, senón unha aspiración vital.
A xestación subrogada fálanos de regularizar empresas e axencias, de venda de corpos, de contratos de servidume temporal, de compra-venda, de intercambio económico, de estirpe e herdanza. Todos eles conceptos que reforzan o patriarcado e que deixan ás mulleres nunha situación de vulnerabilidade.

Publicado no Progreso o 4-3-2017